|
|
|
|
|
||||||||||||||||||||||||||||||
|
_____________
|
VÍTIMAS
A
guerra civil ía, ademais, converter nun toupo a un dos máis íntimos amigos da
infancia de meu pai, o mestre e poeta Santiago Marcos, de quen tanto me falou
toda a vida e sobre quen eu mesmo acabaría escribindo. En
efecto, próximos ao muíño familiar, no lugar coñecido como La Vega de La
Mata, pertencente ao municipio vallisoletano de Roales de Campos, vivían os
catro irmáns Marcos Marcos. Con tres deles, Marcos, Santiago e Nilo, foi meu
pai á escola, primeiro en San Miguel del Valle e despois en Valdescorriel, e
compartiu numerosas aventuras
infantís e afeccións polos animais xa ditas. Máis tarde, a familia Marcos
instalaríase no caserío de La Solaviña do Monte de Santa Cristina, tamén en
Roales de Campos, couto que os tres irmáns citados consideraron durante décadas
como o seu “paraíso terreal”. Santiago estudou Maxisterio en León,
carreira que comezou a exercer en Llano de Olmedo e Valladolid, vinculouse ao
Partido Socialista Obrero Español e cultivou a poesía con métrica sonora e
estilo tradicional, a imitación dos clásicos casteláns.
Para
Santiago Marcos, ao perigo de ser descuberto pola Guardia Civil, que o buscou
durante anos, ata dalo por morto, sumábanse outros riscos, como a tormenta de
1950 que incendiou a casa e que estivo a punto de abrasalo na bodega.
Finalmente, foi detido en 1958, ao ser descuberto a consecuencia dun accidente
nas escaleiras do seu escondite. Non obstante, os veciños deron bos informes
sobre el e, pasados como estaban os tempos da represión inicial, non foi
encarcerado. Entón conseguiu marchar a París, onde se entrevistou co
Presidente do Goberno da República no exilio, o leonés Félix Gordon Ordás;
co entón secretario do Ministerio de Información de dito goberno, Javier
Alvajar, e co historiador Manuel Tuñón de Lara, pero non encontrou acomodo
entre os exiliados e houbo de volver moi decepcionado a La Solaviña para vivir,
retirado do mundo, na compaña dos seus irmáns Marcos e Nilo, pois o irmán
maior, Vicente, afincárase en Bilbao. Xa
durante a súa vellez, o irmán menor, Nilo, que era o único que conducía,
falecería, pouco despois que o primoxénito Vicente, a consecuencia dun brutal
accidente de tráfico, e os outros dous, ao quedar aillados no couto, pensaron
en irse a vivir a Roales de Campos, pero finalmente preferiron resistir alí coa
ocasional asistencia dun paisano motorizado. Octoxenarios desolados polas mortes
que azoutaron as súas vidas nos seus últimos anos, o sensible Marcos e o
desencantado Santiago choraron amargas bágoas sobre aqueles campos solitarios,
sabedores de que axiña o ían abandonar eles mesmos, e as súas dores e
sensabores aflixiron non pouco a vellez de meu pai e a miña propia xuventude.
Durante
o seu período de ermitaña soidade reclusa e constante angustia por temor a ser
descuberto, Santiago Marcos escribiu máis de dez mil versos, a miúdo sobre a
guerra civil e a segunda guerra mundial, pero tamén outros de xénero lírico.
Entre os escritos durante a mesma contenda pode destacarse a elexía pola
execución dun deputado socialista por Valladolid, a quen cantou no poema “El
perfecto caballero Don Federico Landrove”, onde denuncia os masacres
vallisoletanos: Todo
el contorno retumba; Surgió
la trágica lid, Surgió
la muerte que tumba Y
en torno a Valladolid, Por
cada mil..., una tumba. (...) Esa
furia, ese coraje Y
ese “Cara al sol” fatal Son
el toque original Del
colérico y salvaje Alzamiento
Clerical. Pero
en todas as súas composicións subsiste a esperanza, como pode apreciarse nesta
quintilla recriminatoria do mesmo poema: Así
y todo, os va ir muy mal; Pues
no impediréis que se hunda Todo
el sistema feudal De
vuestra España carcunda, Egoísta
y criminal. Tampouco
esqueceu Santiago Marcos os doce veciños republicanos de Mayorga, de ambos
sexos, acribillados a balazos na devesa de Escorriel, aos que dedicou o poema
“Epitafio”, nin os moitos sacrificados de “Valderas Rojo”, unha homenaxe
á xente de esquerdas deste pobo leonés, onde “el franquismo se hartó a
matar”: De
aquellos hombres yo no me olvido, Que
en sus apuros también me vi, Y
tal cual ellos anduve huído Cuando
Falange me buscó a mí. (...) Valderas
Rojo: son, desde luego, Tus
asesinos más destacados, Los
señoritos, algún labriego, Guardias
civiles y ensotanados. En
París intentou, sen éxito, publicar os seus poemas baixo o título “Desde mi
escondrijo”, e tampouco puido ver cumprido o seu desexo de editalos en España
durante a democracia. Unicamente deu á luz poemas soltos, sen carácter
acusatorio, impresos en pregos ou follas voandeiras. Non
obstante, continuou compoñendo poemas de denuncia durante toda a Ditadura do
Xeneral Franco, a quen fixo frecuente obxecto das súas diatribas, como pon en
evidencia o seu soneto titulado “Al cabecilla Franco”, que nunha das súas
versións comeza: Proclive
al atropello y la venganza, Corto
de razón, largo de torpeza, Provocaste
con suma ligereza La
guerra, la invasión y la matanza. O
ditador foi para el a encarnación do mal de España e do seu propio mal, polo
que se presentaba a si mesmo, xa aos oitenta anos, como “maestro, poeta,
hombre-topo durante un cuarto de siglo, y superviviente –por chiripa- de la
cruel matanza inspirada, desencadenada y mantenida contra el pueblo español por
el déspota más inhumano e indigno de cuantos pisotearon y empobrecieron a España
a través de los siglos”. En
consecuencia, dedicou poemas a moitas das vítimas da represión franquista
sacrificadas con posterioridade á guerra civil, como o comunista Julián
Grimau, a quen consagrou unha longa composición, ou o estudante Enrique Ruano,
a quen reivindicou no poema “Franco y Ruano Casanova”: Hoy
le llegó el turno a Enrique Ruano, Inmolado
en Madrid, en pleno día Y
en poder de la inculta Policía Guardaespaldas
del vástago hitleriano. Dende
os anos sesenta, Santiago Marcos tivo correspondencia con meu pai, e, durante os
setenta e oitenta, tamén comigo, manténdonos ao corrente da súa vida e obra.
Eu mesmo ocupeime de reprografiarlle un poema e de publicar sobre el un artigo
de homenaxe e reivindicación no diario Liberación. O poema en cuestión
era unha quintilla escrita ao chegar a democracia en homenaxe a dous socialistas
de Roales de Campos, Secundino Chamorro e Gaspar Fernández, respectivamente
alcalde do lugar e secretario da Casa del Pueblo, asasinados polos sublevados en
1936: Tras
ocho lustros de bunker sectario, Despótico,
execrable y asesino, Votar
para la izquierda es necesario, Y
elegir para alcalde a un proletario Seguidor
de Gaspar y Secundino. Moitas
das súas composicións das últimas décadas tiveron temática familiar,
amistosa ou amorosa, pois serodiamente houbo unha muller na súa vida, ou foron
loas dirixidas a diversos personaxes, frecuentemente da familia real española,
pois trataba de contrapoñela ao ditador, e da política de esquerda, como o
dedicado a Dolores Ibárruri baixo o título de “Pasionaria, Gallarta y
Asturias”. E, por suposto, quen ás veces asinaba os seus poemas como “Un
campesino del Norte de Castilla” non deixou tampouco de sumarse ás protestas
ante o abandono do medio rural castelán, que veía camiñar cara a extinción
en paralelo á súa vida, como reflicte o título do seu poema “El Campo se
hunde”.
Coa
chegada da democracia, Santiago Marcos reclamou a pensión que lle correspondía
como mestre represaliado, pero atopouse con tantas dificultades que
acabou por sentirse de novo como unha “res perdida”, tal como me escribiu
nunha ocasión e reproducín eu no artigo devandito: “Resulta que en España,
para asesinar a un maestro de izquierda no es preciso que cuente con
un determinado número de años de servicio: solamente con que sea maestro
basta para matarlo. Pero cuando lo que procede es concederle una pensión
que le resarza de los múltiples infortunios, pérdidas y vejaciones que
hubo de soportar mientras le perseguían... ¡Ah!, entonces es cuando
concienzudamente se dedican a escudriñar cuántos años de servicio tiene.
Y lo peor de todo es que terminan por dejarle a uno en igual situación
de abandono y desamparo que si se tratara de una res perdida”. Vintedous
anos oculto e máis doutros tantos retirado como un ermitaño montaraz,
aquel vello amigo de meu pai de longas barbas brancas foi, na miña adolescencia
e xuventude, unha figura determinante da miña formación ética, da miña
conciencia política e da miña educación sentimental. Eu imaxinaba a
súa soidade, a súa tristeza e a súa raiba escribindo no seu tobo contra
os crimes da tiranía ou lendo poemas aos seus irmáns, únicas testemuñas
da súa existencia e da súa poesía, e choraba. Sen que o soupera meu
pai, choraba polo poeta toupo, polos seus irmáns aillados, polo meu
propio pai, polas vítimas que reivindicaban en silencio aqueles bondadosos
vencidos, por tanta vida inxustamente derramada. Porque a vida enteira
e o mundo todo de Santiago Marcos foron sacrificados pola intolerancia
e pola represalia mesmo ata o final, así que non é estraño que un dos
seus últimos textos fose un “Autoepitafio para su postrer morada” onde
se pregunta se continuará a persecución despois
de morto: Se
intentó despacharme, y casi atrapado, Me
escurrí del fuego y el terror marcial, Lo
que fue un difícil logro inusitado. ¿Seré
en el futuro otra vez calumniado Aun
debajo de este mármol sepulcral...? Meu
pai e máis eu conservamos con agarimo as cartas dos irmáns Marcos e
as composicións do poeta toupo, así como unha fotografía de Marcos octoxenario
con atavíos de cazador acompañado da súa cadela Estrella e un retrato
de Santiago coas súas patriarcais e literarias barbas igualmente octoxenarias.
Qué grandes irmáns, qué grandes amigos e qué grandes cidadáns mantendo
sempre fraternidade, amizade e dignidade a contracorrente da historia
e a contrarreloxio da vida ata que se extinguiu o contacto coa súa propia
existencia. Nunca tiven amigos mellores que estes herdados nin lin con
máis agarimo poeta ningún que a este toupo vate. En vida contaron sempre
coa fidelidade de meu pai; na morte, contarán sempre coa miña.
|