Logotipo da ADVFAsociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo

_____________

Presentación
Obxectivos
Proxectos
Vítimas
Promotores
Subscrición
Contacto
Ligazóns
Álbum

Versión en español

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo

 

HOMENAXE A MANUEL SARILLE LANCEIRO

AMPLIAR

De esquerda a dereita: Rodríguez Fer, Lobato, Bóveda, Manuel Sarille, Díaz Pardo, 
Gómez Amigo, Rodríguez da Torre, Páramo
(Curso de verán da USC, 2007)

 

 

Palabras en memoria de Manuel Sarille Lanceiro, Presidente da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo (falecido o 25 de maio de 2008), pronunciadas na multitudinaria homenaxe tributada polo pobo de Lugo o 28 de maio de 2008

Por Claudio Rodríguez Fer

 

Como é sabido a enerxía non se crea nin se destrúe, soamente se transforma, e Manuel Sarille Lanceiro, que era pura enerxía, segue e seguirá existindo a través da súa muller Olga e do seu fillo Xosé Manuel, así como dos descendentes destes; a través das súas obras, que foron moitas, e a través de todos os que o coñecemos, que somos moitos tamén. Para min, que vou falar del a través da memoria, será sempre o recreador d'A Pascua de Montecubeiro, sátira teatral en verso de tradición oral, publicada na revista Ólisbos nos anos noventa precisamente por iniciativa miña e logo representada e interpretada coa máxima graza polo propio Sarille en Montecubeiro nun acto multitudinario. Para min será tamén sempre o leal editor do libro Arximiro Rico. Luz dos humildes, vida e morte dun mestre republicano realizado polo seu fillo Xosé Manuel Sarille e polo noso común amigo Narciso de Gabriel, pois sempre mantivo viva a memoria e o agradecemento a quen fora seu mestre e a quen resultara tan vilmente asasinado. Por suposto, para min será igualmente sempre o informante e o protagonista da novela Polos fillos dos fillos, de Xosé Manuel Sarille, sobre a matanza acontecida en Montecubeiro en 1937, así como o promotor do monólito a aquelas vítimas en colaboración co Concello de Castroverde, dúas das maiores satisfaccións da súa vida. Mais na súa existencia chea de compromisos e de loitas das que a miúdo daba testemuño escrito na prensa, onde por certo non lle publicaban todo o que enviaba, para min será ante todo o fundador e o presidente da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo. 

 

Nunca esquecerei o día do ano 2005 en que tras presentar Carmen Blanco, María Xesús Souto Blanco, María Lopo e máis eu na Galería Sargadelos de Lugo o monográfico dos cadernos Unión libre dedicado á "Memoria antifascista de Galicia", en presenza de netos do Doutor Rafael de Vega Barrera e doutras persoas con el relacionadas, como Sofía Andrade e Xesús Pérez Regueiro, lin o poema "A loita continúa", que alude ao masacre de Montecubeiro, e observei con emoción que o rexo e combativo Sarille choraba a cada verso. E, rematado o acto, Manuel Sarille Lanceiro propúxonos aos presentes formar unha asociación promotora da recuperación da memoria histórica que resultou ser a Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo, da que por suposto foi o seu presidente. 

 

AMPLIAR

Xosé Luís Bóveda, Manuel Sarille e Manuel Cuesta
(Curso de verán da USC, 2007)

 

Naceu así pois unha Asociación, con domicilio social na Galería Sargadelos de Lugo (onde Sarille presidiu a súa presentación pública), dedicada á investigación e divulgación da memoria histórica da represión para que se coñecese a verdade e para que nunca se repetise, así como para realizar accións de dignificación das vítimas barbaramente maltratadas durante a ditadura e inxustamente esquecidas na actualidade. Falou no seu nome Sarille na radio, na televisión e nos máis diversos foros e xuntanzas, intervindo en actos tan significativos cualitativa e cuantitativamente como a inauguración do monumento ao doutor Rafael de Vega Barrera, no que interveu xunto aos descendentes de Vega e ao alcalde de Lugo, ou o encontro universitario "As vítimas do 36 en Galicia. Memoria e Paz para sempre", onde presentou a súa investigación sobre o asasinato do mestre e deputado republicano Díaz Villamil. Sarille quedou moi satisfeito co resultado destas dúas convocatorias e, particularmente, co numeroso público xuvenil da última delas, como tamén de todas as homenaxes aos mestres da República e en concreto ao seu mestre Arximiro Rico.

 

 

AMPLIAR

Manuel Sarille na inauguración do busto 
de Vega Barrera

Non é de estrañar, pois, que a Asociación recibise agora as máis sinceras condolencias por parte da Fundación Luís Tilve, tan comprometida coa memoria; da historiadora da represión María Xesús Souto Blanco, da exhumadora de vítimas Carmen García-Rodeja; de numerosos asociados e colaboradores ou do grupo de investigación "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares" en escrito do seu director Lourenzo Fernández Prieto, quen lembrou e agradeceu moi expresivamente a importante contribución de Sarille a este proxecto de reconstrución da memoria, polo que a nosa Asociación tanto avogou.

   

Agora ben, Sarille non conseguiu aínda levar a efecto todas as súas iniciativas, pero digo que non o conseguiu aínda porque o conseguirá a través de nós: por exemplo, un monumento ao mestre Arximiro Rico no Cádavo; por exemplo, unha placa ao mestre Díaz Villamil na Pontenova; por exemplo, un monumento a todas as vítimas do fascismo en Lugo, para o que se conseguiu xa no 2006 un deseño de Isaac Díaz Pardo.

 

Emocionouse Sarille cando no encontro sobre "As vítimas do 36 en Galicia. Memoria e Paz para sempre" se lle entregou un gravado orixinal de Sara Lamas sobre a súa irmá Carmen, asasinada en plena xuventude polo grave delito de ser sinxelamente irmá. Porque, en efecto, Sarille comprendeu que xa moitos nos sentimos irmáns daquela vítima e de cantos perderon a vida inxustamente a raíz de 1936. Na última conversa que mantivemos, xa telefonicamente, agradeceume o poema "As tres mapoulas de Montecubeiro", referido ás tres mulleres asasinadas naquel masacre en 1937, e que lle está dedicado. Con el vou rematar, porque sei que así lle gustaría a Sarille e porque acaba aludindo ao penedo conmemorativo que con tanto empeño conseguiu erguer en Montecubeiro, un penedo do que estaba tan orgulloso e que tanto se lle parece:

 

 

AS TRES MAPOULAS DE MONTECUBEIRO

 

En memoria da humildísima Virxinia Meilán Varela, 
das mozas Carmen Sarille Lanceiro e Manuela Graña Rico, 
e das demais vítimas do masacre de agosto de 1937 
en Montecubeiro (Castroverde).

 

Ao mestre exemplar Arximiro Rico, alí martirizado, 
e aos seus discípulos directos e indirectos 
Manuel Sarille Lanceiro, Xosé Manuel Sarille e Narciso de Gabriel.

 

 

Entre as medorras e os castros,
polos ríos e polos regos,
baixo os soutos e sobre as carballeiras,
onde pacen en paz vacas e ovellas,
o canto do estorniño doce entoa
o nome mártir de Manuela Graña.  

 

Co vento dos cereais e a quietude do leite,
coa nabiza dos nabos e o grelo das nabizas,
coas patacas apañadas e as de debaixo da terra,
a conciencia medra como a herba e as árbores
para imporse clamando monte arriba
o nome noso de Carmen Sarille.

 

 As sombras dos ameneiros e os salgueiros
nas ribeiras de flora flotante,
as carreiras dos corzos e dos lobos,
a verea dos xabarís e o voo das vacalouras
debuxan co fume de afumar chourizos
o nome amantísimo de Virxinia Meilán.

 

Entre os toxos, sobre a neve,
na seca e nas enxurradas,
tres mapoulas iluminan
noite e día Montecubeiro:
Virxinia, Carmen, Manuela.
Eran fermosas como pétalos.
Perduran como penedos.

 

AMPLIAR

Manuel Sarille Lanceiro e Rodríguez Fer, 
con Carmen Sarille ao fondo 
(Curso de verán da USC, 2007)